O XXIV CONGRESO ESTATAL DE ASTRONOMÍA PRESENTA SITIO WEB E IDENTIDADE GRÁFICA

8 de Agosto de 2019

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío presentou na Domus a identidade gráfica e o sitio web do próximo Congreso Estatal de Astronomía.
A Agrupación tamén deu a coñecer máis conferenciantes convidados ao evento, que se celebrará na Coruña do 30 de abril ao 3 de maio de 2020.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío vén de presentar en rolda de prensa o sitio web do XXIV Congreso Estatal de Astronomía, que se celebrará na Coruña na primavera de 2020:

www.xxivcea.org

Neste sitio web atoparase información útil para todas as persoas interesadas en participar no XXIV CEA, desde a programación, que se irá completando nos próximos meses, ata unha detallada listaxe de aloxamentos ordenados por proximidade ao Reitorado da Universidade da Coruña (UDC), sede do congreso entre o 30 de abril e o 2 de maio de 2020.

Dende agora e ata o 30 de novembro de 2019 está aberto o prazo de envío de propostas de comunicacións orais, pósteres e obradoiros. A inscrición ao Congreso abrirase o próximo mes de setembro, co 31 de marzo de 2020 como data límite. Haberá diferentes modalidades de matrícula e un pequeno desconto para as persoas socias dunha entidade membro da Federación de Asociacións Astronómicas de España (FAAE). Para participar nos concursos de fotografía e debuxo astronómico será necesario esperar ata o 1 de decembro de 2019, momento no que abrirá o envío de propostas. Todos estes trámites poderanse xestionar integramente a través do web.

Na rolda de prensa presentouse tamén o logotipo do congreso, deseño de Marta Cortacans, encargada da identidade gráfica desta edición do CEA na Coruña. O logotipo inspírase nos púlsares, un tipo de estrela que se caracteriza pola súa rápida rotación e emisión de enerxía en intervalos curtos e regulares. Estes obxectos astronómicos foron descubertos en 1967 por Jocelyn Bell Burnell, a convidada "estrela" do CEA2020. A miúdo compárase os púlsares con “faros” no universo, e isto, unido ao feito de que A Coruña ten como símbolo máis recoñecible un faro, a Torre de Hércules, foi a idea básica sobre a que se elaborou o logotipo.

Ademais, na rolda de prensa confirmáronse tres novas conferencias que se suman á xa anunciada participación de Jocelyn Bell. Unha delas correrá a cargo de Ruth Carballo, Minia Manteiga e Ana Ulla, astrofísicas galegas que traballan nun dos máis ambiciosos proxectos da Axencia Espacial Europea (ESA), a Misión Gaia. O “grupo galego de Gaia” do que forman parte é un equipo de investigación multidisciplinar da Universidade da Coruña que se encarga do procesamento de datos astronómicos da misión, que determinará posicións, movementos e propiedades físicas de mil millóns de estrelas da Vía Láctea.

A conferencia inaugural do XXIV CEA será impartida por Enrique Pérez Montero, doutor en Astrofísica e Cosmoloxía e investigador do Instituto de Astrofísica de Andalucía. En 1999 Enrique foi diagnosticado de retinose pigmentaria, unha enfermidade conxénita dexenerativa da retina para a que non existe tratamento. A perda de visión non impediu que proseguise a súa carreira científica. Ademais, desenvolveu o proxecto de divulgación “Astronomía accesible” para a difusión da astronomía entre as persoas con discapacidade visual.

Por último, confirmamos a presenza de Teresa Lago, astrónoma, catedrática do departamento de Física e Astronomía da Universidade do Porto e fundadora e primeira directora do Centro de Astrofísica desta universidade. Durante o trienio 2018-2021 Teresa é a Secretaria Xeral da Unión Astronómica Internacional, a entidade, nacida en 1919, que agrupa a profesionais da astronomía de todo o mundo co obxectivo de promover e coidar a astronomía en todas as súas facetas, tanto a investigación como a comunicación e a divulgación, e ademais contribuír ao desenvolvemento da sociedade a través da ciencia. Na actualidade a IAU (polas súas siglas en inglés) agrupa a máis de once mil membros activos de 107 países diferentes.

 

XXIV Congreso Estatal de Astronomía
info@xxivcea.es
www.facebook.com/xxivcea/
www.twitter.com/xxivcea